Para comezar, unha definición:
O Software Libre é un tipo particular de software que lle permite ao usuario o exercicio de catro liberdades básicas:
0. Executalo con calquera propósito
1. Estudiar como funciona e adaptalo ás súas necesidades
2. Distribuír copias
3. Melloralo, e liberar esas melloras ao público
Coa única restrición do copyleft (calquera que redistribúa o software, con ou sen cambios, debe dar as mesmas liberdades que antes), e co requisito de permitir e acceso ao código fonte (imprescindible para exercer as liberdades 1 e 3).
E estas son algunhas das razóns para o seu uso na escola:
1. Tanto o software libre coma o software privativo permiten desenvolver os contidos e actividades programadas nas escolas. Non se trata de substituír un sistema operativo por outro porque sexa máis barato, seguro e fiable. Ensinar con GNU/Linux non é só usalo senón trasmitir o espíritu de colaboración e cooperación que implica cualquera empresa de coñecemento. O software libre é en si mesmo educativo polos valores que lle acompañan.
2. O software libre está na súa maioría traducido a linguas minoritarias, e en particular a lingua galega. Non acontece o mesmo con outras aplicacións básicas en software privativo.
3. Se utilizamos software privativo na escola (a Administración promóveo porque hai uns anos apenas existían alternativas e tamén terá compromisos adquiridos) estamos condicionando ao alumno/a a utilizar o software dunha empresa que posúe o monopolio neste campo (Microsoft). E tamén indirectamente obrigándolle a utilizar o software utilizado na escola na súa propia casa.
4. Os alumnos/as teñen acceso ao software libre de forma gratuita e legal, e poden compartilo (non acontece o mesmo co software privativo, pois hai que mercalo se non queres convertirte nun/ha pirata).
5. A filosofía do software libre concorda cos valores promovidos pola escola para unha correcta socialización (solidariedade, colaboración,...) e por aqueles valores que nos animan a compartir o noso traballo ou a xuntarnos en redes sociais. Na filosofía do software privativo, a empresa vende un produto ao cliente e ofrécelle un servizo de mantemento.
6. E a última por agora... no meu caso prefiro traballar por unha causa solidaria e pertencer á comunidade do software libre, que traballar gratis para Microsoft (empresa privada con intereses lucrativos, e que a min non me dá nada) axudando a "fidelizar" a futuros usuarios. Para min é unha cuestión de coherencia.
Para unha introdución moi básica ao mundo do software libre
http://xosevidal.blogia.com/temas/software-libre.php