¿Que porcentaxe do profesorado conta con preparación suficiente para utilizaren os recursos TIC?

Compartir

Responder esta

Respostas a este tópico

No CPI de Cuntis, esta porcentaxe é ridícula. Quizais un 20% teña unha formación mínima. Posiblemente un 10% conte con formación suficiente.
¿Cómo está a situación noutros centros?

Responder esta

Eu estou no IES Marco do Camballón de Vila de Cruces. Fomos un centro pioneiro en canto á creación da web do centro, pero o grupo daquela época foise indo, só quedo eu. A porcentaxe actual de xente con formación debe ser similar ao do teu centro e iso que a media de idade debe andar nos corenta-corenta e poucos. Non hai plan TIC nin parece que a dirección teña ningún interese polo tema. Só unhas cantas persoas traballamos de xeito illado agora mesmo.

Responder esta

O mesmo. Eu traballo nun centro de Lugo capital e, francamente, a maior parte do personal está entre a sorpresa de "non me cambies de ordenador que naquel non "te me atopo"", a outros que dende o bolígrafo BIC non ven ningún avance significativo. Compraron (a penas 2.000 €) un encerado interactivo, e de case 100 somos dúas persoas que o empregamos de cando en vez.

En xeral, amais de despiste hai unha certa desgana. "Total, dá igual o que fagas, porque o que teñen que facer é estudar". País!!!!

Responder esta

A que formación vos referides?

Para utilizar recursos TIC na aula apenas se precisa formación técnica.
Non vou ser eu, profesora de tecnoloxía, quen diga que a formación técnica non é necesaria e útil, por suposto que non vou por aí, máis ben creo que hai enormes carencias en cultura tecnolóxica entre o profesorado en xeral.

O que quero dicir é que para que se utilicen recursos tecnolóxicos como ferramenta no ensino de calquera materia o que máis necesita o profesorado é formación pedagóxica, pois a formación técnica que se require é mínima, e a tecnoloxía evoluciona cada vez máis nese sentido, o da socialización da tecnoloxía, na súa accesibilidade a todo tipo de persoas. Por exemplo, non hai moitos anos que para publicar un contido na rede tiñas que coñecer a linguaxe html, e agora con catro clics creas un blog nunha patada.

Por formación pedagóxica refírome coñecer ferramentas útiles ás que se lles poda sacar un rendemento educativo, que funcionen para ensinar mellor, coñecer estratexias de ensinanza-aprendizaxe na que se utilicen novos recursos, coñecer ferramentas e contidos que enganchen e motiven ós rapaces e rapazas, e por suposto saber cómo utilizalos nunha clase de tal materia e de tal nivel para acadar un obxectivo concreto ou un conxunto deles.

Moitos profesores e profesoras non se asoman a este mundo, pero non por falta de capacitación ou por falta de coñecementos técnicos (os mínimos necesarios son perfectamente asumibles por todos cun pouquiño de dedicación), senón por falta de interese, por descoñecemento, por no saber cómo aplicalos (pedagóxicamente) na aula, porque levan 20 anos facendo o mesmo e non van cambiar agora, por medo e inseguridade, porque non lles interesa, porque cambiar de metodoloxía supón un esforzo extra, porque traballa con grupos de 30 alumnos e só hai 10 ordenadores na aula de informática, porque prefiren ir a súa bola e que ninguén lles veña a dicir o que se debe facer, e un longo, moi longo etcétera.

Formación técnica? por suposto, todo o mundo debería ter unha cultura tecnolóxica mínima e unha capacitación para utilizar a tecnoloxía actual e amoldarse sen problemas á tecnoloxía que teñamos nun futuro, pero falando de ensino e de formación para a utilización de recursos TIC (ou TAC, ou TOC, os que sexan) na miña opinión, se queremos que a cousa funcione, os esforzos deberían ir sobre todo en aportar unha visión pedagóxica a todo isto, centrada no alumnado e no noso papel educador. Espántanme eses cursos de "internet" para profes que o mesmo poderían valer para médicos, mecánicos, telefonistas ou funcionarios do concello, e impartidos por xente que nunca pisou unha aula de primaria ou secundaria, agás de estudante. Iso non funciona.

Responder esta

Amén, María. E dígoo sen ironía. Clarificas a orientación que todos/as deberiamos contribuír a reforzar e as deficiencias formativas máis graves. O noso contexto educativo é ben adverso neste sentido (e noutros) e convén non deixar de poñelo de manifesto. Sobre todo para quen pode investir máis, planificar mellor, reorientar programas de formación, fornecer espazos e oportunidades de intercambio a todo o profesorado, fomentar comunidades profesionais (como xa se recollía na Declaración de Roa), etc. Porque estamos a falar dun cambio de hábitos docentes e dunha reformulación pedagóxica ou dunha pedagoxía para ferramentas novas! Ou non? E iso custa.
Porén, o máis valioso é a proposta de fondo. Que se debera concretar aquí, como varias persoas xa apuntaron, en grupos de traballo de ámbitos ou materias que profunden nas liñas didácticas que cadaquén segue e acheguen claves das experiencias que se desenvolven nos centros e, nalgúns casos, que se van presentando nos blogues.

Responder esta

Por certo, no que ti dis, María, insisten "expertos" como Manuel Area.

Responder esta

A formación do profesorado en Galiza, ó meu entender, require unha reformulación urxente e un cambio radical, e non vexo trazas de que iso vaia suceder.

Non me refiro unicamente á formación para a utilización de recursos TIC, senón en xeral, para todo.

Vou poñer un exemplo. A formación específica para o profesorado de tecnoloxía de secundaria é practicamente inexistente no noso país, pero de cando en vez sae algún curso. O ano pasado matriculeime nun curso de electrónica dixital (impártese en 4 de ESO e bacharelato), coa intención de descubrir prácticas e proxectos de aplicación deses contidos na aula. Bueno, acabei deixando ese curso, pois foi completamente teórico, mandábanme facer exercicios como os que lle propoño ós meus alumnos e alumnas de bacharelato, sacados de libros de texto de distintos niveis, pero non se vía nin por asomo ningunha estratexia ou proposta de aplicación práctica, destinada a que o alumnado aprenda e asimile mellor estes contidos. O único que recibía eran conceptos que xa coñezo, exercicios que podo atopar os libros, etc, pero nada de pedagoxía, nada de formas diferentes de enfocar estes contidos na aula e por suposto ningunha proposta de proxecto. Para que me serve a min iso? para chegar a clase e reproducir o que me amosaron no cursiño? Pois iso é o que se está a facer e o que se lle está a ensinar ó profesorado.

Se quero coñecer outras formas de abordar a electrónica dixital nas miñas clases non me queda outra que buscarme a vida pola miña conta, investigar, probar, compartir experiencias con outros profesores e profesoras da miña materia, etc. pero non podo esperar a que á consellería facilite os medios para unha renovación pedagóxica, porque máis ben o que se consegue con estes cursos é o mantemento da mesma filosofía pedagóxica das épocas xa pasadas.

E volvendo á formación para a utilización de recursos TIC no ensino, máis do mesmo. Na miña opinión non se debe abordar a aprendizaxe destes recursos de forma descontextualizada, sempre ten que estar presente a aplicación práctica na aula. Por exemplo, un curso para o profesorado para aprender a publicar un blog non debe basearse unicamente nas ferramentas e utilidades existentes para iso, e deixalo baleiro de contidos, pois o contido, o que se desexa transmitir é a esencia, o máis importante da publicación en internet, e un blog non é máis ca unha ferramenta, o soporte, a estrutura, pero non o fin. O fin é que a información chegue, se difunda e se comparta, e non con que ferramenta facémola chegar.

Por exemplo, o curso podería ser, "a aprendizaxe da xeografía a través dun blog". Nese cursiño aprenderase a publicar un blog, pero cunha finalidade, atopar novas estratexias para o ensino da xeografía, utilizando googlemaps, google earth, inserindo imaxes, vídeos, comunicándonos con alumnado doutros centros que envíen información xeográfica da comarca na que viven, etc, etc. Durante o curso o profesorado deberá publicar un blog e traballar co alumnado nas súas clases, consúltanse dúbidas, realízanse propostas, e avalíase a metodoloxía. Con esta orientación o profesorado aprende a publicar un blog e coñece ferramentas útiles para facelo, pero o máis importante, aprende unha nova estratexia de ensino-aprendizaxe, aplicable na aula. Se iso falla, falla todo. Non evolucionamos.

Responder esta

Eu estou convencido de que a maior parte do profesorado non sabe nin abrir unha conta de Gmail sen axuda. Cando lle explico a alguén que non está precisamente "verde" na utilización dun pc a xestión da súa páxina nun wiki, non obteño resultados nin que llo repita tres veces. E non creo que sexa falta de interese. Para min que a maioría do profesorado ten serios problemas para utilizaren as ferramentas da web 2.0.
Considero fundamental a formación do profesorado "in situ", no centro, a calquera hora, e especialmente cando están nas aulas e poden aplicar o pouco que vaian aprendendo co seu alumnado. E para iso debería haber un/unha coordinador/a ou formador/a TIC a tempo completo no centro. Non fóra do horario lectivo, senón no tempo no que se desenvolven as actividades académicas. Así que @s coordinadores/as TIC deberían, entendo eu, seren asesores e mesmo formadores para podermos acadar un mínimo nivel de introdución das TIC nas aulas.
Logo, claro está, faltan os equipamentos informáticos nas aulas...
E a pedagoxía, a correcta aplicación dos recursos, virá logo da man da reflexión colectiva.

Responder esta

Eu estiven traballando en varios centros de Vigo e Cangas, e en todos eles hai unha ignorancia extrema do uso das TIC. Os docentes non queren reciclarse porque pensan que todo vai ben coa sua metodoloxía de sempre, e moitos deles nin sequera teñen páxina web, algo que agora é indispensable como fonte de información. Hai unha porcentaxe de profes que sí teñen algún coñecemento pero non o aplican na aula, e eu penso que non se dan conta de que isto está a cambiar e que nós tamén o temos que facer, motivando ao alumnado dende o que lle é cercano, e hoxe en día todo o que ten que ver coas novas tecnoloxías o é.Outro impedimento importante é a inexistencia de recursos materiais para poder levar á práctica todo esto, que o hai que considerar como algo imprescindible hoxe en día.

Responder esta

Pola miña experiencia penso que a maior parte dos profesores das áreas científicas teñen coñecementos básicos de informática, aínda que as empregan a título persoal e non como algo propio da materia. Noutras especialidades tamén hai profesionais formados, pero de maneira autodidacta.

Responder esta

Ola compañeiros. Primeiro de nada felicitarvos por ter a iniciativa de compartir.
En relación ó tema que plantexa Alberto, e despois de ler as vosas respostas, penso que hai varios temas a debatir enriba da mesa.

Ó que comenta María L de que "para utilizar recursos TIC na aula apenas se precisa formación técnica." teño que dicir que non estou dacordo, si comparto o resto do discurso. Temos que pensar que cambiamos totalmente de Sociedade e con iso as ferramentas que utilizamos para comunicarnos (ven o vemos en agora rede). Que quero dicir? que sempre que existe un cambio, e este é dos gordos, haberá unha xente que se adapte mellor que outra, pero de seguro unha gran maioría se vai resistir a mudar, e con máis razón nun sistema tan hermético como o noso. É por iso que considero a escola en crise.
Entón, xa non pola dificultade técnica, senón polo cambio no concepto da ferramenta. Cando se comezou a utilizar o libro, por moi sinxelo que fora, si a sociedade non lle vía utilidade, ese libro estaba condenado ó fracaso, podedes velo neste vídeo, que de seguro moitos coñecedes: http://www.youtube.com/watch?v=VP_WHckrAX0 Penso que este video relata bastante ben a situación.

Responsabilidades? Do conxunto do profesorado e en último termo a administración propiamente dita (o profesorado tamén é administración). Non se pode pretender desenrolar un sistema de formación sen en ningún momento facer unha avaliación inicial para comprobar cales son os coñecementos previos, principio básico da pedagoxía. Si esta avaliación se realizara poderiamos quedar moi sorprendidos do nivel tecnolóxico da gran maioría dos docentes. Por poñer un exemplo de informática básica: a marioría non sabemos crear unha carpeta no escritorio e descomprimir un arquivo nela. E si o que pretendo e un exemplo de profesionais: Necesítase unha formación seria para entender porque unha imaxe que publiquemos nun blog non debe ir en BMP, senón en JPG (ou GIF), en ainda así entender porque hai que reducila.

¿É necesaria formación técnica? Penso que si. ¿E a formación pedagóxica? Moito máis importante. ¿Pódense dar xuntas? Resposta complexa. Pero penso que o desenrolo do potencial pedagóxico dos diferentes instrumentos (tv, radio, periódico, libro, natureza... tic,..) é ineherente ás funcións do profesor (innovación educativa).

Comparto totalmente contigo María o da falta de interese (autoformación contínua), pero a realidade está aí, fóra do mundo virtual, e fóra das ferramentas 2.0.

Responder esta

Pode ser que non me explicase ben, pois comparto o que dis. Unha formación técnica básica é necesaria (saber crear unha carpeta, descomprimir un arquivo, ou saber tratar de forma básica as imaxes é básico e fundamental)

Máis ben referíame a que a formación non debe orientarse únicamente á parte técnica, senón que hai que ir máis alá, á súa aplicación concreta e útil para o traballo na aula. Se non se ve a utilidade moi dificilmente a xente animarase a aplicar todo isto na práctica docente.

O mellor xeito é que vaian xuntas, da man, pero a técnica subordinada á pedagóxica.

Por exemplo, co alumnado da ESO, o obxectivo é facer un traballo determinado, e aproveito ese traballo para ensinar a usar determinadas ferramentas e aplicacións, pero iso é o medio, non o fin. Por exemplo, no último traballo con PDC (http://tecnobaiona.jimdo.com/) o obxectivo era coñecer o funcionamento de obxectos, e polo camiño aprenderon a sacar imaxes e pasalas ao ordenador, redimensionalas, crear unha presentación de diapositivas, publicalas, e crear unha web elixindo o estilo e a estruturación. Non foi unha clase de informática, senón que a informática foi unha ferramenta máis de traballo (xunto co desaparafusador).

Eu creo que a formación en TIC debe ir por aí, a ferramenta como medio, pero aprender a técnica facendo que grazas a ela se cumpran uns obxectivos determinados, e non que o obxectivo sexa aprender a técnica sen máis. Non sei se me explico.

De tódolos xeitos a min paréceme moi difícil facer isto co profesorado, segundo experiencia que teño. Non sei, creo que no deseño da formación do profesorado debe haber un xiro de 180º. A min non me gusta como está plantexada, nin como alumna, nin como docente que tivo que impartir "cursos TIC".

Responder esta

RSS

Membros

  • vanessa
  • Adela otero Fdez-Aperribay
  • María Prieto Pérez
  • J. Luis López de Guereñu Polán
  • Verónica Pampillón Seijo
  • MARIA
  • Estefania Rodríguez Calvo
  • Chus
  • Xano

Benvida

Agás certa información persoal dos seus membros, todos os contidos inseridos nesta rede están accesíbeis.
Mais, ao rexistrarnos dispoñemos dunha páxina propia na que crear artigos, subir documentos ou enviar mensaxes, ademais de poder participar no foro, crear grupos, etc.
Podes consultar estes titoriais.

Baixo licenza


Foro do grupo S. Libre

Carregando feed

Foro do grupo Webs dinámicas

Carregando feed

Foro do grupo Introdución...

Carregando feed

Foro do grupo Recursos...

Carregando feed

Foro do grupo Aplicacións...

Carregando feed

Fotos

Carregando...

Música

Carregando...

Badge

Carregando...

© 2009   Criado por dplingua no Ning.   Crie Sua Rede Social

Badges  |  Relatar um incidente  |  Privacidade  |  Termos de serviço

Entrar no bate-papo