Respostas a este tópico

No CPI de Cuntis temos dúas aulas de informática con 15 ordenadores cada unha. Tamén contamos coa aula do encerado dixital. Estes espazos son compartidos, naturalmente (46 profesores/as e case 400 alumn@s). Como promedio, calculo que cada alumn@ do centro podería acceder sete ou oito veces ó mes ós recursos TIC co seu profesorado. A maiores disto, pódese dispoñer de dous ou tres portátiles e un par de proxectores para levar ás aulas (téñase en conta o tempo requirido para poñelos en funcionamento). Outros dous ordenadores na biblioteca e en tres aulas de Primaria (un en cada unha) e un en cada aula de Infantil.
Agás unha hora semanal fixa na aula de informática (no caso de Infantil e Primaria), ninguén pode programar con garantía unha actividade con TIC. E inda así, a conexión a internet fluctúa ó longo do día, polo que moitas veces debemos prescindir de recursos online.
¿Estamos máis ou menos igual en tódolos centros?

Responder esta

Aínda que non creo que nos resulte moi útil, non está mal deixar constancia da realidade a este respecto nos centros.
Na Pobra temos, sen ter en conta o ciclo de Sanitario, sobre 550 alumnos/as, unha sala de informática con 18 computadores conectados á rede, outra sala sen rematar e sen conexión, tres computadores máis na biblioteca e algún canón. Ter unha hora á semana para traballar en internet é un privilexio do que gozamos só uns poucos. E ESTAMOS A FORMARNOS COLABORATIVAMENTE A TRAVÉS DUN PFAC!!

Responder esta

A ver que outras realidades se achegan por este foro. Unha coñecidas poderiamos empezar a pensar en alternativas para suplirmos estas carenzas.

Responder esta

A realidade do Vila de Cruces é máis similar á da Pobra; o de Cuntis xa me parece un privilexio!!
Uns 400 alumnos/as e 48 profes. Unha aula de informática con 20 ordenadores (que van como lle cadra) e con canón; unha aula de usos múltiples con outro ordenador con conexión a internet e canón e varios portátiles que sempre dan problemas. Ademais diso, dous ordenadores máis na biblio e uns 8 ou 10 na aula do ciclo de Soldadura, pero sen conexión a internet!! O encerado dixital alí aínda é ciencia ficción. Todo o profesorado pode en teoría acceder á aula de informática (seica non é así en todos os centros) e como non a usa moita xente eu pídolle á dirección que ma reserve para o grupo de Diversificación; este ano o meu compañeiro Séchu fixo o mesmo, de xeito que temos reservado o seu uso 2 horas á semana cada un para todo o curso; isto, polo que falo con outra xente, debe ser un privilexio. Iso si, acceder a ela fóra dese horario é moi complicado.

Responder esta

Bueno, pois si que estamos ben...
Vai sendo tempo de concretarmos ideas sobre equipamentos básicos imprescindibles para posibilitar a introdución das TIC nas escolas galegas.
Partirei do suposto de que a administración non vai mudar os seus niveis de investimentos en material TIC para os centros, limitándose a repoñer moi de tempo en tempo algúns ordenadores moi antigos, desfasados ou que simplemente xa non funcionan e non compensa arranxalos ou actualizalos.
Coido que debe xurdir por algures (dende aquí tamén) un movemento de demanda de equipamentos para todos os centros. Porque non é de recibo que se estean a equipar uns cantos escollidos en base a dubidosos criterios que propugnan experiencias piloto e que o que realmente están a acadar é unha nova fenda dixital, pero dun xeito interno e promovido pola propia administración, entre unhas cantas "escolas TIC" e o resto (a maioría) de escolas á marxe das novas tecnoloxías.
Debemos esixir á Consellería un punto de partida en equipamentos (e formación do profesorado) homoxéneo e equiparador para todo o ensino en Galicia.
Poñamos un nivel de equipamento básico e irrenunciable, dende o meu punto de vista:
-Un portátil e un proxector en cada aula xunto cun sistema que proporcione interactividade (wiimote cando menos debería ser estudado pola administración). Sería o chamado EDI de baixo custe.
-Un ordenador portátil para cada alumn@, tamén de baixo custe, que non sexa "de marca" e implemente un sistema operativo como Ubuntu totalmente de balde. En USA están a estudar esta posibilidade e calculan o custe en 200 $. Inda que saíse por 200 €, sería aceptable.
-Wifi e ancho de banda de calidade en todo o recinto escolar.
-Formación básica en TIC para todo o profesorado.
Os ordenadores das actuais aulas de informática serían incorporados ás aulas ordinarias.
As aulas de informática quedarían libres para outros usos.
A xeito de resume:
1.- Encerado Dixital Interactivo de baixo custe en tódalas aulas.
2.- Un portátil de baixo custe para cada alumn@ na educación obrigatoria.
3.- Conexión a internet wifi de calidade en tódolos centros.
4.- Formación TIC básica para todo o profesorado.
Agora preciso coñecer as vosas opinións sobre isto e sobre o xeito de realizar unha demanda unificada por parte da comunidade educativa.

Responder esta

Como enfocades o traballo na aula de informática? Eu, estou comezando a facelo, sobre todo, grazas aos materiais da túa páxina. No centro onde traballo hai dúas aulas de informática, con vinte ordenadores, aproximadamente. Este trimestre estou levando aos alumnos cada semana /quince días, dependendo da demanda, á sala de informática. Fixemos, sobre todo, exercicios interactivos de ortografía, gramática e léxico. Ao comezo, pedíalles que se puxeran por parellas e foran rexistrando nunha folla de papel, unha especie de ficha, o traballo, segundo as tarefas encomendadas; eu, pasábame, ía revisando e resolvendo dúbidas. Despois, propúxenlles capturas de pantalla para ir controlando o traballo. Tamén fixemos webquest; nese caso, abrín unha conta de correo da aula de lingua, en gmail, e ademais, outra conta para o alumnado e ir enviando as súas producións aí. En fin, é todo moi rudimentario. Por iso, gustaríame coñecer experiencias. Tamén di a experiencia, que o alumnado está máis motivado e síntese no seu "medio"; aínda que tamén haxa que controlar se acontecen desfeitas nos equipos ou por exemplo, se fan escapadas a xogos e metroflogs...
Graciñas

Responder esta

Grazas a ti por abrir estas cuestións centrais. Como intentamos evitar certos comportamentos, como lle resulta a cadaquén a súa organización da aula con computadores ou como podemos facer máis funcional o traballo de revisión.
A respecto do primeiro asunto, no meu centro acaban de pechar a sala de informática (nas aulas non temos equipos) por estragos vandálicos varios. É lamentábel que as dinámicas de uso destes equipos e materiais que se van conformando nos centros leve a tal resultado. Se se contribúe a asociar os computadores con recreo cibernético (canto nos costou a nós ao principio facer que o alumnado sentase para intentar construír coñecemento!), non lle vexo solución aínda que vixiemos en plan examinador. E non creo que deba ser ese o noso papel, senón acompañar, orientar constantemente o traballo. O que non implica permisividade para quen non están a ser atendidos. A min amólame escoitar que que ben o pasamos os que levamos o alumnado a informática e aínda por enriba ser sospeitosos de permitir estragos. Preparar unha aula dese tipo, sobre todo se é con materiais propios, leva moitísimo máis tempo e xestionala ben moitísimo máis traballo! Na situación na que estamos, realmente é un privilexio que os alumnos e alumnas poidan na nosa materia desenvolver competencias dixitais e no tratamento da información, pero non poden verse como privilexiadas as compañeiras e compañeiros, por máis que tiren de aí satisfaccións distintas ás que se poden acadar nunha aula "ordinaria". Mentres camiñamos (nalgúns centros, cando menos, aínda fica moito por andar) cara a unha nova cultura neste aspecto, unha medida posíbel é responsabilizar cada grupo de alumnos/as dun equipo informático determinado e revisar o seu estado ao comezo e ao final de cada sesión.
En relación coas outras cuestións, podo achegar a miña experiencia última. Cando o alumnado pode experimentar e crear coas ferramentas dixitais (personalizar os espazos e os contidos, publicar resultados...) a motivación para seguir procesos de aprendizaxe e os resultados son bastante mellores. Se se realizan actividades mecánicas, rematémolas cunha produción coa que se poida dar conta do rendemento da aprendizaxe.
Para o seu seguimento e avaliación, eu botei man de diversas estratexias -fichas en fotocopia, revisión en google grupos, borradores nas entradas de blogue-, pero ningunha foi tan funcional coma os intercambios pautados nunha comunidade de práctica neste mesmo ning. Así a todo, non é unha panacea, as horas que lle hai que adicar non son poucas e na aula segue habendo alumnado ao que lle hai que lembrar que o messenger e o fotolog teñen outros nomes e outras orientacións dentro da nosa rede.

Responder esta

Vaia, Xano, sinto moito o da vosa aula de informática. A nós non nos acontecen actos vandálicos, máis aló de que desaparezan as bólas dos ratos (agora xa non porque a maioría son ópticos), aparezan auriculares estragados cada dous por tres e os ordenadores se utilicen con frecuencia para calquera cousa menos para o que se agarda. Isto depende sempre, pero sempre, da/do profesora/profesor que está (máis ben que non está) coas/cos alumnas/os. Tamén, na aula de Infantil e Primaria hai que ter en conta que as/os cativas/os son máis inquedas/os e aínda non se fabrican ordenadores a proba delas/deles.
En todo caso, o uso da aula de informática case que pasou á historia. O profesorado acode alí cada vez menos porque cunha sesión semanal non se fai gran cousa e non lle ven o "rendemento". Bueno, eu sei que si se fai moito para quen empeza e que se o alumnado é de infantil ou primaria máis vale que coñezan canto antes catro cousas dos ordenadores e fagan algunha actividade que outra. Pero como ninguén ten tempo de andar tódolos días a facer o mantemento dos equipos, tamén moitas/os deixan de ir porque case sempre hai algo que non vai (ademais da conexión a internet, tan caprichosa ela). Ou sexa que se eu quero podo estar case toda a semana na aula de informática co meu curso. Ás veces fágoo...
Pero as aulas de informática, entendo eu, xa non serven para que o profesorado dun centro poida desenvolver as materias utilizando as TIC. A miña idea (compartida por bastantes compañeiras/os) é que os ordenadores deben estar nas aulas, como acontece xa en moitas comunidades autónomas, porque así poderían incorporarse as TIC de verdade. Xa sabemos que non habería un ordenador por cada alumna/o, pero se houbese un para cada dous ou tres xa se podía facer bastante. Entón a aula de informática si que sería útil, por exemplo, para realizar actividades que deban ser individuais como as avaliacións e outras.
Resumindo, as TIC non entrarán nas aulas mentres non haxa medios e o profesorado non se forme, e en ámbolos dous aspectos dependemos moito da nosa administración. A cal dirá sempre (agardo que non para sempre) que estamos moi ben dotados e que o profesorado non reclama nada. Claro, como non se usa a aula de informática... ou se usa mal... ou... pois estamos servidos (perdidos).

Responder esta

Ola a todos. Este é un debate ben interesante. Eis o problema. Non se pode esperar gran cousa nin da Administración,xustificando unha partida orzamentaria de tantos euros, xa soben os índices e o nivel europeo está acadado, nin tampouco dos Equipos directivos que bastantes cousas teñen que solucionar, din eles, coma para se ocupar destas "trapalladiñas".

A miña experiencia é a dun "jívaro". Son profe de Secundaria e nestes momentos dou clase a 3º de ESO e a 2º de BAC -Hª da Arte-, e son niveis moi diferentes; e tamén é moi diferente, penso eu, se o nivel é de Primaria como semella que é o que se refire Rib ou onde está Alberto. Dicía o de "jívaro" porque no meu centro que é un destes centros "rancios" de capital, nin teñen moita idea nin queren. Máis importante que a experiencia didáctica é o vermut das 13'00h. Por iso non teño moita queixa. Cando eu cheguei, hai dous anos, o Departamento tiña un ordenador duns 7 anos de idade, na Sala de Profesores había tan só 1 ordenador, algo máis moderno, outro máis estropeado, que estaba alí supoño que para entrar na estatística e nada máis. Había unha Sala de Ordenadores, couto dos de Matemáticas, con ordenadores tamén vellos pero que se modernizaron con estas 2 partidas destes dous últimos anos. Como impresionante salto cara ao futuro mercouse un encerado dixital "Promethean" que só é empregado por min e por un profesor de matemáticas e, de cando en vez, polas rapazas de Ética para proxectar películas.

É dicir, o Paraíso. ¿Por que? Está claro. Eu non fago proselitismo. Empregando diversas técnicas "persuasivas", agora hai unha Sala (a de "Arte") que era o reino das diapositivas queimadas polo uso, e que agora conta con canón e ordenador con conexión á rede. Alí dou a materia de Arte con PowerPoint, e o resto dos compañeiros/as seguen coas diapositivas; mais xa unha muller vendo a historia se está empezando a pasar tamén ás presentacións. Eu para o vindeiro curso, metereime a da-las clases de 3º de ESO (que son os alumnos cos que vou á anterior sala do Encerado dixital).

Iso en canto a instalacións. Agora, os alumnos comentan e algún colega tamén empeza a facer cousas, mesmo curiosas, pouco a pouco xa somos sobre 10 profes (de 100) os que comezamos a argallar con estes trebellos, e a cousa comeza a tomar corpo.

Sobre experiencias concretas que pedía Rib, xa digo, dependendo do nivel pódense facer unhas cousas ou outras. No meu caso, non me quero extender moito máis pois xa haberá tempo, cos de 2ºBAC, a Selectividade impón moito así que é unha clase máis tradicional, pois é temario é tremendo. O bo que ten é que coas presentacións tes unha base de explicación moi potente, ó xuntar dende texto, moi esquemático, mapas, e fotografías; e a maiores poder rotular ou remarcar determinados conceptos. Tamén resulta bastante flexible pois tamén teño nun cartafol por estilos, unha serie de fotografías ás que acceder cun organizador fotográfico, cando se precisa facer unha comparación ou unha información que non tes na presentación.

Onde, coido eu, que hai máis posibilidades de facer cousas é con 3º de ESO. O pasado curso, unha experiencia que, persoalmente, me encheu bastante foi unha actividade moi sinxela, que se alguén a precisa se pode comentar máis amplamente, na que se tratou de unir a procura dunha información moi concreta (a través de Google), con esa información -o aeroportos máis importantes do mundo- realizar un gráfico co tráfico de pasaxeiros (Excel), localizalos nun mapa mundial e sacar as pertinentes conclusións (Word).

A verdade é que quedou moi ben e os rapaces, era a primeira vez vían o emprego de medios informáticos para preparar unha clase ou presentar un traballo (exceptuando, claro está, a realización desas portadas coloristas co WordArt), quedaron tamén bastante satisfeitos. Incluso, non estaba previsto, xurdiu a posibilidade de que, voluntariamente, pola súa conta, levaran toda a información a PowerPoint, a organizaran e a expuseran na clase. Foron 4 en total.

Eu empecei así un pouco sobre a marcha. Por iso dicía o de comezo de todo este rollo. O fundamental é a iniciativa. No meu caso, non é posible que haxa 2 ou 3 ordenadores por aula; nin os hai, nin durarían porque as clases (o espzo físico) non están preparadas para eles. Habería que cambiar o concepto das aulas (pasar de ser aulas do grupo a aula do profesor) e isto resulta pelín complicado e,claro, en promaria pois seguramente tampouco tería moito sentido. Mentres todo iso madura, ánimo, quen queira facer algo, que o pense, que non fal, e que o leve a cabo. Comprobaredes que, paseniño, a xente se vai apuntando.

Un saúdo.

Responder esta

Ola. Grazas a tod@s por seguir o debate, que siga, que siga!
É moi interesante todo o que contades, a forma de traballar, a actitude... Mágoa o que acontece coas aulas de informática que están desfeitas; agardemos qeu iso mude. Aí faime pensar que o centro no que traballo este curso é privilexiado. Por iso, dáme rabia non saber tirarlle máis partido; por iso, e polo futuro, quero aprender e esta rede paréceme unha marabilla para intercambiar e, en definitiva, abrir a cabeciña e aprender. Moitas grazas, Xano; xa me apuntei o dplingua e estou intentando "meterme" no allo.
Respecto do que dis, Anxo, está claro que conseguir cambiar a dinámica dun centro destes "de toda a vida" xa é un logro. Que interesante as actividades que comentas. A do aeroporto, podería servir para traballar de xeito interdisciplinar... Este curso tocoume 3º e 4º de eso; cos que máis uso a sala é cos de 4º, recoñezo, sobre todo, porque os controlo máis. Teño algún 3º que as veces qeu van estou en tensión con ratos, teclas, cables e demais artiluxios... Recoñézoo, en fin, a ver se pouco a pouco...
Que siga isto...

Responder esta

Ola Alberto. Aínda que este grupo está moi parado, escribo isto máis que nada por te poñer largos os dentes (perdón pola maldade). Veño do InforEnsino, onde tamén te escoitei a fin de semana pasada, e nunha charleta dun Dinamizador de Asturias, comenta así como de pasada que ten unha reducción de 10 horas. Iso é, 10 pedazos de horas. Este sábado estivo un dos responsables do portal EDUCASTUR, falando de como o montaron mais tamén do futuro inmediato, é dicir, este curso, e aí vese da necesidade e da importancia desta figura.
Deixounos a todos cos dentes largos, máis que nada pola comparación co que aquí está a suceder: nada. De xeito subtil, indicou que a nosa comunidade vai con outro ritmo, máis a modo. Que raro, verdade?

Responder esta

Ola Anxo e desculpa o atrevemento
xa que estiveches por alí
sabes se van colgar ou se xa colgaron o material nalgún lugar ou nos seus blogues, eu entrei non de algúns e non o atopei.
Saúdos e grazas.

Responder esta

RSS

Sobre

dplingua dplingua criou esta rede social no Ning.

Membros

  • Tania
  • Mª Belén
  • SARA
  • Yolanda Paderne Vázquez
  • jorge
  • jaime
  • Estela
  • José Manuel
  • Mª Patricia

Benvida

Agás certa información persoal dos seus membros, todos os contidos inseridos nesta rede están accesíbeis.
Mais, ao rexistrarnos dispoñemos dunha páxina propia na que crear artigos, subir documentos ou enviar mensaxes, ademais de poder participar no foro, crear grupos, etc.
Podes consultar estes titoriais.

Baixo licenza


Foro do grupo S. Libre

Carregando feed

Foro do grupo Webs dinámicas

Carregando feed

Foro do grupo Introdución...

Carregando feed

Foro do grupo Recursos...

Carregando feed

Foro do grupo Aplicacións...

Carregando feed

Fotos

Carregando...

Música

Carregando...

Badge

Carregando...

© 2009   Criado por dplingua no Ning.   Crie Sua Rede Social

Badges  |  Relatar um incidente  |  Privacidade  |  Termos de serviço

Entrar no bate-papo