Estas son as que eu suxiro. Daquela, cómpre chegar a un consenso para lle dar forma á táboa reivindicativa.

Se a Consellería de Educación da Xunta de Galicia pretende introducir as TIC no sistema educativo, suxiro que empecen por:

* Facilitar a formación en TIC a todo o profesorado galego.
* Dotar ós colexios dun ordenador en cada aula por cada 2 alumn@s (mellor un tablet pc para cada alumn@).
* Dotar a cada aula dun encerado dixital interactivo.
* Establecer a figura d@ coordinador/a TIC con asignación horaria completa para realizar as súas funcións.
* Redución de horario lectivo para o profesorado implicado máis directa e activamente na integración das TIC no centro.
* Dotar a cada profesor/a dun ordenador portátil para o seu traballo diario.
* Impulsar a produción de recursos educativos con TIC en lingua galega.
* Mellorar moito a conexión a internet dos centros educativos para que se poida traballar en serio.
* Coordinar e poñer en coñecemento de todos as actuacións TIC que se están a facer nos centros educativos galegos.

Compartir

Responder esta

Respostas a este tópico

Douche a miña opinión á lista que fas:

1- "facilitar" a formación en TIC está ben, pero o deber da consellería non só debe ser facilitar a formación de quen queira formarse, senón tamén impulsala.
2- Dotar aos colexios e aos institutos.
3- Se un encerado dixital custa tanto, prefiro que se gasten os cartos en equipos informáticos para que os rapaces e rapazas traballen, pero é unha opinión persoal. Nun encerado traballa o profe e un alumno, e o resto mira.
4- As funcións do coordinador TIC non deben ser as de mantemento de equipos. Deben establecerse dúas figuras independentes para cada función.
5- A coordinación TIC debe realizarse por un equipo de profesores e profesoras, e non por unha única persoa. Creo que funcionaría mellor algo similar ao equipo de normalización lingüística, integrado por varios docentes e cun coordinador ou coordinadora con maior redución.
6- O do portátil para os profes non o vexo ben. Creo que a inversión débese realizar para o centro e para os rapaces. Se nos dan un portátil benvido sexa, pero podo prescindir del. Non fago nada cun portátil se non teño ordenadores suficientes para que traballen os meus alumnos e alumnas.
7- De acordo cos recursos en lingua galega.
8- O da conexión a internet é fundamental.

engado:
9- Abandonar a política de gratuidade de libros de texto e ofrecer becas ás familias economicamente máis desfavorecidas. Inverter os cartos aforrados en recursos dixitais con licencia libre.

Responder esta

1.- De acordo.
2 e 3.- Dicía "colexios" por abreviar, pero está claro que a dotación debe ir dende Infantil ata ESO. Ó traballar nun CPI xa non distinguimos... Penso que aquí habería que precisar a dotación. Quizais os encerados interactivos sexan axeitados para Infantil e 1º e 2º ciclos de Primaria. Tamén podería ser suficiente un pc por cada dúas/dous alumnas/os nestes ciclos. Os tablets a partir de 3º ciclo de Primaria, como en Aragón, e tamén podería abondar cun proxector na aula.
4.- O mantemento xa o situaba fóra das funcións de coordinación. De acordo en explicitalo.
5.- De acordo tamén. De feito no departamento TIC do meu centro somos un equipo.
6.- En desacordo, polo momento. Penso que hai demasiadas profesoras e profesores que non dispoñen de ordenador persoal. Cun portátil nas mans, poucas e poucos poderán mirar para outro lado e sentirán o deber de utilizalo.
9.- De acordo coas becas. Darlles os libros gratis ás familias con maiores recursos é antidemocrático. E o do software libre é fundamental, por aforrar e porque é educativo.
Bueno, isto está a empezar... Escoitemos máis opinións.

Responder esta

O dos portátiles para profes paréceme un desperdicio de cartos.
No meu centro somos uns 50 profesores e profesoras máis ou menos. Se envían 50 portátiles dende logo que prefiro que sexan para que traballen dúas clases de 25 alumnos/as.
Se tiveramos ordenadores suficientes para o alumnado, con equipos en tódalas aulas e con recursos dabondo, non me parecería tan mal o dos portátiles para o profesorado (ben tampouco me parecería), pero nas condicións nas que estamos non me parece unha necesidade urxente, pois hai outras prioridades.

Responder esta

Por pedir... que non sexa :-)
Pero a min persoalmente paréceme un tanto esaxerado. En que prazo de tempo estamos pensando para aplicar estas medidas, un ano, dous, vinte...? Ao mellor habería que escalar as demandas, dende o máis urxente ao máis prescindible, a curto, medio ou máis longo prazo, procurando unha forma de ser máis realista. De onde sacaría a Consellería o orzamento para atender estas demandas? Tampouco o vexo claro.

En xeral estou de acordo cos puntos considerados, con algúns matices:
2. O de un ordenador por cada dous alumnos/as.... a que prazo vista? No meu cole aínda non temos ningún ordenador nas aulas. E neste momento paréceme esaxerada esa solicitude. Conténtome con ter un ordenador por aula... logo dous ou tres. O da pizarra dixital, vale, pero poderíanse buscar pizarras dixitais de baixo custo (sei de colexios onde se están a poñer en marcha). No dos tablets PC... o de Aragón é unha experiencia supermegamacroelitista financiada por Microsoft e no creo que o regale en ningún outro colexio. Hai alternativas máis baratas e outras que se aveciñan nun futuro próximo (portátiles de baixo custo para alumnado) e haberá que ir valorando estas novas tecnoloxías segundo vaian estando no mercado. Tampouco se trata agora de poñer todo OK e dentro dun par de anos cambiar todo porque hai cousas máis modernas e aquilo xa quedou anticuado.

Responder esta

faltábanme un par de cousas...

Relacionado co punto anterior, neste enlace http://xosevidal.blogia.com/2008/041701-pizarras-dixitais.php hai recollidos outros enlaces de iniciativas e experiencias en escolas galegas na utilización das pizarras dixitais e outros medios tecnolóxicos de baixo custo que deberían valorarse.

6. No relativo ao tema dun ordenador para cada profesor tampouco me parece prioritario. En todo caso, dentro dun par de meses sairán ao mercado en España portátiles de baixo custo, cun prezo inferior aos 300 euros, e que cumprirían de sobra esas necesidades.

Responder esta

Unha rectificación: no tema dos tablets PC de Aragón estaba pensando na experiencia de Ariño, xa iniciada no ano 2003 e financiada por Microsoft. Xa vexo que me equivoquei e que Microsoft obtivo a súa compensación polos servizos prestados (10.000 alumnos/as con tablets PC e 10.000.000 de € investidos nese programa ata este ano). Habendo cartos, onde gastalos tamén hai.

Responder esta

Ben, pois diso é do que se trata, do debate sobre as necesidades e o xeito de reclamar os medios que se consideran necesarios. Eu fun expoñendo o mellorciño do que fun atopando por aí, nas distintas comunidades. Seguramente aínda haberá algunha en peor situación ca nós, pero non por iso debemos renunciar a reclamar medios. Primeiro poñámonos de acordo. Trátase de consensuar, de atopar unhas peticións ben matinadas e pensando nas prioridades e nos prazos. Por iso procurei partir dun esquema ideal, un tanto en bruto. Logo, vaise modelando a figura, ¿non si?

Responder esta

Si, Alberto... eu admiro todo o que te moves pola rede, e fai falta xente que vaia tirando do carro.

Pero antes de continuar con máis propostas paréceme conveniente buscar na rede as que existen xa a nivel de Galicia, que xente se está movendo neste campo... e a este respecto vou anotar o seguinte:

1. Softlibre-edugal : é unha lista de correo que promove a implantación do software libre no ensino non universitario galego. Participan nela algúns dos máis destacados... entre outras cousas...administradores de sistemas e redes ?? de institutos de Galicia. Moito nivel. Conviña falar con esta xente a ver como ve este tema.

2. Convocatoria de proxectos de innovación en TICs (regalan equipos). A última convocatoria de maio do ano pasado
Aínda que sobre estas convocatorias tamén hai opinións críticas.

3. Hai un grupo de xente (entre outros Roberto Brenlla e Manuel Morán) que mantén xuntanzas coa Consellería de Educación, en relacion cunha Estratexia TIC na educación galega (orientada primeiramente ao software libre, pero podería ao mellor tratar aspectos de equipamentos)

4. Ao mellor diríanche que existe o proxecto SIEGA... Non sei se hai algo de interese aí, en todo caso convén velo.

E así de memoria non coñezo moito máis... pero para comezar é algo.

Responder esta

Está claro que unha proposta feita aquí por dúas persoas non vai ir para adiante, e habería que unirse ás iniciativas de colectivos que xa teñen traballo feito. Anque non está de máis a reflexión.
Dende logo Alberto admírote pola túa vitalidade e iniciativa, pero comparto o expresado por Xosé, máis pragmático.

Responder esta

Desde a miña condición de simple profe que padece as graves carencias que hai nos centros e na nosa formación e que comparte a indignación, quixera apostar pola apertura dunha campaña de envergadura que sumase os distintos colectivos.
O certo é que hai varias vías abertas, a máis "avanzada" semella a da Estratexia TIC de Brenlla e demais, aínda que os resultados non pasan, polo que se ve, de vagos compromisos de revisión. Mais, tamén hai unha constante demanda por parte de certos sindicatos nas mesas sectoriais: a CIG, por exemplo, leva tempo insistindo en que o sistema educativo debe promover a elaboración de materiais propios, abertos e contextualizados, desenvolvidos polo propio profesorado xunto con especialistas, establecer un plan de formación en TIC en horario lectivo, etc. E as propostas desta ágora parece que xa están a ser consideradas por parte de responsábeis educativos.
Non teño os coñecementos dun coordinador TIC nin sei cal é a mellor estratexia, se sumarse, se facer plataformas ou se ir pola retagarda, pero está claro que o decálogo que aquí se está a debater (non entro no debate das prioridades, é o ensino o que ten que ser unha prioridade do goberno) debera chegar a onde cómpre co máximo apoio posíbel. O meu teno xa.

Responder esta

Pois que queredes que vos diga... Alégrame que haxa persoas falando coa Consellería e facendo reclamacións que subscribo totalmente. Pero non vexo que estean a precisar unha reclamación de medios informáticos nas aulas dun xeito pormenorizado. E mentres por España adiante os centros educativos e o profesorado están a recibir equipamentos e apoios institucionais, aquí estamos a velas vir. E así non veñen, non...
As reclamacións que fago poden parecer utópicas e eu mesmo un idealista. Bueno, proveñen da miña conciencia e da miña visión das posibilidades de mellora do sistema educativo en Galicia. Se non as reclamase xa estaría virtualmente xubilado. E se reclamando esas melloras parece que me paso... pois pasareime. Que non se consigan todas, que non se teña todo de súpeto, entra dentro dos meus cálculos. Pero que non se faga nada en Galicia por avanzar cara a unha educación máis eficiente que prepare ó noso alumnado para un futuro inmediato, dóeme.
E se no meu blog, ou aquí, ou onde sexa que poida reclamar non consigo nada, pois xa se me ocorrerá outra cousa. Como se reclamo eu só. Tampouco me importa, non perdo nada. Iso si, prefiro o traballo en equipo...

Responder esta

RSS

Membros

  • MARÍA
  • Faustino Martín
  • rui alberto cercido monaiar
  • verónica
  • María Jesús Barrio
  • Angel Miguel Rodas Gallego
  • casal
  • marta cesar
  • Liliana Monetti

Benvida

Agás certa información persoal dos seus membros, todos os contidos inseridos nesta rede están accesíbeis.
Mais, ao rexistrarnos dispoñemos dunha páxina propia na que crear artigos, subir documentos ou enviar mensaxes, ademais de poder participar no foro, crear grupos, etc.
Podes consultar estes titoriais.

Baixo licenza


Foro do grupo Webs dinámicas

Fotos

Carregando...

Música

Carregando...

Badge

Carregando...

© 2009   Criado por dplingua no Ning.   Crie Sua Rede Social

Badges  |  Relatar um incidente  |  Privacidade  |  Termos de serviço

Entrar no bate-papo