rib

acerca de como ensinar a comentar textos e compartir experiencias

Estou agora coa literatura medieval en bacharelato, e vanme xurdindo bastantes dúbidas; gustariame contar cun espazo no que discutir e compartir aspectos acerca decomo ensinades a comentar textos, que recursos empregades, que material para preparar estas clases, etc
Graciñas!

Compartir

Responder esta

Respostas a este tópico

Ola, Rib. Aplaudo a túa decisión de traer ao foro unha cuestión coma esta. Porén, se xa esta ágora está convertida nun lugar de paso, coas escasas persoas que intentaron dinamizala baixo os soportais, máis difícil aínda é que haxa unha certa partilla de aspectos tan concretos da metodoloxía de cadaquén. Receos? Inmobilismo? Desconfianza na utilidade do intercambio? Dependencia absoluta do libro de texto? Non sei, pero tras unha semana da apertura do tópico...
Eu hai tempo que non dou en 1º BAC, mais lembro dúas cousas que soían funcionar: por un lado, as propostas de creación en grupo a partir de instrucións baseadas en recursos específicos e mais en modelos (que, daquela, lían con maior motivación e sentido); por outro lado, as conexións coa literatura e a canción do XX e actuais.
Por outro lado, a escolla dos textos é fundamental, cousa que non sempre se coida nos libros de texto. E a realización de actividades de comprensión progresiva de temáticas e recursos. Se tiveramos un conxunto de actividades ben ensarilladas, coma estas de Felipe Zayas para a literatura española, os resultados serían seguramente outros.
E ti, como estás a facer?

Responder esta

Cando iniciamos Son de poetas sempre pensamos na ocasión de acercar os textos medievais e a poesía en xeral ao noso alumnado a través da música, crendo que así lles resultaría máis atractivo. Hai un pequeno repertorio de cantigas e quereriamos amplialo co tempo. Agradecemos suxestións. Atendemos as que nos fai o noso alumnado, gústalles encontrar na páxina as súas propostas.
Unha actividade que tivo moito éxito foi a elaboración dun "cancioneiro", manuscrito claro, coas súas propias composicións "ao xeito medieval". Ademais sempre temos algún alumno ou alumna que vai ao conservatorio, ou que toca por libre algún instrumento e interpreta composicións do "manuscrito".

Responder esta

Ola! Moitas grazas a ambos :-) Aínda que si coñezo a bitácora de Felipe Zayas, non reparara nesa actividades ben interesante. Eu había tempo que non me cadraba de dar medieval e moitísimo máis, ensinar a comentar. Non fixen nada orixinal, si que usei o que fun atopando e púxenlles a referencia a son de poetas e tamén ao videos do grupo Martin Codax, de música antiga. Pero logo, pois todo moi típico, esquemas a partires do libro de texto, completados con "cousas" que atopei por aí, ou aspectos que pensaba que estaban mellor doutro xeito; como están en bach, pedíalles que traballaran previamente estes esquemas, resultado irregular. No medio, lectura de cantigas para ilustrar certos aspectos. E o comentario, que me parece difícil; pero tocoume e hai que facelo. Daquela para estar máis segura busquei algúns comentarios xa feitos en libros como Lectura de nós, de edicións XErais; e tamén, outro libro editado polo Ramón Piñeiro cos poetas do mar de Vigo; as´icomo algún material da páxina de Rosa Salgueiro. Iso para preparalo e na práctica, nada innovador, a verdade, darlles pautas, mandarlles facer un esquema previo de redacción, comentar o que fixeron e corrixirlles eu comentarios que fan eles. Anes, tentamos facer un de modelo. Pero, insisto, non estou convencida de todo isto e quero aprender e mellorar. Nos cometnarios "xogamos" un pouco cos temas, o rexeitamento, as súas reaccións, que pasaria se agora aparecera o amigo, que farias ti... En fin, iso; e logo mandeilles crear eles un poema de amor, pero de hoxe. Pero non sei como sairán os exames e o comentario, tráeme a min tamén de cabeza. Gustaríame saber de máis referencias bibliográficas. E sobre todo, facerlles chegar a literatura medieval de xeito mellor. Tamén intentei, ao comezo, rememorar aproveitando pois o que hoxe queda nas vilas e cidades de medieval, para evocar e meterse un pouco na Galicia medieval, no reino, etc Pero, insisto, o proceso tivo moitos altibaixos e non estou segura de que sexa o mellor, por iso, gustariame intercambiar experiencias. E penso que agora rede é un bo lugar :-)
Graciñas!

Responder esta

Ola

Eu si que notei nos exames o traballo na aula con esa actividade que comentastes: elaboración en grupo de cantigas ao xeito medieval por parte do alumnado. Creo que foi a través de Xano cando probei a facer unha rolda de grupos na aula de xeito que cada grupo de 2-3 alumnos facía unha estrofa e pasáballa ao seguinte para que fixese outra respectando as bases xa creadas (rima...) e seguindo 2 ou 3 regras postas polo profesor. Ao final a cantiga chega ao grupo que a comezou para lle dar o último toque e corrixir aquilo que non estivese ben.

Isto foi para 3º da ESO no curso pasado e nos exames todos os alumnos identificaron sen problemas certos recursos formais. Como teño pouca experiencia, só podo engadir que hai dous cursos, no que elaboraran as cantigas individualmente, os resultados foran moito piores.

PD: ten razón Xano en que a Ágora se converteu nun lugar de paso e eu asumo en parte certa culpabilidade porque creo que este intercambio é positivo. Non sei cal sería a maneira de darlle máis dinamismo máis alá de participar activamente e abrila a máis xente.

Responder esta

Eu preciso, supooño que porque teño pouca experiencia e son moi consciente das miñas carencias, falar, intercambiar, comentar, ler, ver experiencias... Precísoo, faime falta, éme fundamental. Sei que nese sentido podo chegar a ser bastante "friki", e caer en preguntas ou dúbidas surrealistas ou pouco reflexivas; seino. Mais, de momento, preciso tanto aprender; é coma o meu pan diario, precísoo. Sinto que os meus alumnos, os que me tocan en cada momento, non teñen culpa de que eu teña carencias, de que teña pouca experiencia, de que sexa como son. A eles me debo, e, como tal, quero corresponderlles; na práctica, fago o que poido, recoñezoo. Máis aló das tic, que valoro e uso na medida das miñas posibilidades, penso que os lugares na rede, coma este, son magníficos para intercambiar, e crear unha verdadeira "ágora". E, por isto, engadido a todas as circunstancias persoais e profesionais que dixen, que me gustaria poder debater e preguntar non só das tic senón tamén de aspectos das aulas, especialmente, os profes de lingua galega, que penso, temos menos vías para nos comunicar -ou esa é a sensación que me dá-.
Volvendo a medieval, eu dei na eso e tamén faciamos cantigas, individualmente e pro grupos; os resultados nunca conseguín que foran grande cousa. Analizando, penso que o proceso foi errado, pola miña parte. E agora que me toca dar iso por vez primeira no bacharelato, pregúntome cal debería ser a diferenza fundamental nas clases entre 3eso e 1bach.
PS: déixovos unha ligazón, que me parece interesante por varios motivos, un deles é a colaboración entre docentes experimentados e menos experimentados; e outra, sen dúbida, porque fala dos "profes substitutos"... http://olahjl2.blogspot.com/2008/11/el-sustituto.html

Responder esta

Todas esas necesidades que apuntas son comúns, a algúns moito máis que a outros pola nosa inexperiencia, que as máis das veces ou case sempre habemos de ir superando pola nosa propia conta porque, de certo, recursos non parece que haxa moitos, non falo só da materia (recursos e actividades contrastados e eficaces) senón tamén para a docencia en si mesma, que non abordamos nunca no noso proceso formativo.

Non estou de acordo no segundo que dis. O teu alumnado non é culpábel das túas carencias porque me dá a impresión de que a valoración negativa que fagas de moitas actividades de aula non se debe precisamente (ou unicamente) a que estean mellor ou peor formuladas senón a que es ambicioso na túa práctica diaria. O máis fácil telo na man: colles o libro de texto e para adiante, non te saias del, explica o que sabes de sobra, para o que estás formado... e así farás como moitos profesores/as. O propio alumnado está afeito a iso. Por que tes esa sensación de "fracasar" ás veces? Porque buscas algo máis, porque sabes que desa maneira non estás nin ti contento nin pensas que o alumnado aproveita a materia. Todo isto dígoo porque, supoño que se percibirá, eu tiña esa sensación. Pero agora non, relativizo todo iso e se alguén con máis experiencia me fai ver que unha actividade que eu formulara dunha maneira ten carencias non pasa nada. A actividade pasou, con máis pena que gloria, e xa introducirei os cambios pertinentes na próxima ocasión. Fíxate nesta:

http://cadernodelingua.wordpress.com/2008/04/04/practicas-narrativa...

Parece que está ben, pois está moi mal enfocada pero tiven que esperar a que alguén mo fixese ver. Como poño ao alumnado a crear unha historia a partir dun cadro, por moi suxerente que sexa, se antés non traballei a lectura de imaxes? Aí teño as causas de que entre 26 alumnos/as só pagaran a pena 5 ou 6 traballos.

Creo que a sensación de frustración é directamente proporcional ás ganas que un lle pon ao seu traballo. E iso, isto é, a ilusión, non teño a menor dúbida, percíbeo o alumnado.

Responder esta

Lúcida resposta. E para contrastar as nosas pesquisas didácticas, para mellorar reorientando proxectos, para tirarlle máis rendemento ao que soe funcionar, para manter a ilusión... por que non hai máis profesorado coma ti, Román, PARTILLANDO cos demais EXPERIENCIAS? Como impulsar iso (nós, a administración xa sei que seguirá impulsando a competitividade)?

Responder esta

RSS

Membros

  • GENIVAL FERREIRA DE MIRANDA
  • jdacosta
  • Iria
  • Concepcion
  • chus
  • Noe
  • Manuel Amor Couto
  • xosé
  • Raúl

Benvida

Agás certa información persoal dos seus membros, todos os contidos inseridos nesta rede están accesíbeis.
Mais, ao rexistrarnos dispoñemos dunha páxina propia na que crear artigos, subir documentos ou enviar mensaxes, ademais de poder participar no foro, crear grupos, etc.
Podes consultar estes titoriais.

Baixo licenza


Foro do grupo Webs dinámicas

Fotos

Carregando...

Música

Carregando...

Badge

Carregando...

© 2009   Criado por dplingua no Ning.   Crie Sua Rede Social

Badges  |  Relatar um incidente  |  Privacidade  |  Termos de serviço

Entrar no bate-papo