Creo que hai que ver as cousas en positivo mais con realismo. É todo un éxito que, tal como están as cousas no ensino galego, contemos cun bo número de blogues docentes moi activos e cun espazo social coma este con case trinta membros. Aínda que as comparacións sexan odiosas, e máis se son só cuantitativas, a
Xarxa catalá do ning ten só algúns máis.
Porén, semella preciso recuperar o dinamismo inicial desta rede.
É claro que, sobre todo en épocas de exames, non dispoñemos practicamente de tempo para remexer nas TIC.
E é normal que atendamos antes espazos que nos poden ser máis de proveito, propios, alleos ou compartidos.
É entendíbel que haxa quen non se atreva a intervir ou non lle interese entrar no intercambio, aínda que si seguilo.
É posíbel que non nos agrade que as nosas intervencións non teñan o eco que agardabamos e fiquen ancoradas no monólogo.
Ou pode ser que non nos senten moi ben algunhas opinións e actitudes individuais ou colectivas.
(Tamén é probábel que todo isto sexan conxecturas impertinentes)
En calquera caso, o que eu teño claro é que, mesmo desde unha postura interesada por parte do profesorado, fai falta reflexionar e compartir máis ca nunca. Aínda que estivésemos nun espazo cultural normalizado, aínda que dispuxésemos de abondos recursos en galego, aínda que tivésemos unha formación "técnica" decente, aínda que houbese grupos de traballo con dedicación exclusiva financiados e asesorados pola Administración, aínda que puidésemos dispoñer de plataformas educativas que facilitasen, impulsasen e titorizasen o noso labor coas TIC (que nada disto temos), aínda así, non podemos pechar os ollos ante a desorientación xeral da educación fronte o reto de educar crítica e creativamente un alumnado que vive inmerso nas novas tecnoloxías. O aproveitamento educativo dese uso esixe unha constante reconstrución didáctica, e mais cando se fala xa de
web semántica e web 4.0
Por iso, propoño que acheguemos ideas para que esta rede social sexa aínda máis útil (para min xa o está sendo moito) para toda a xente e, en xeral, para o ensino galego. Por exemplo, estas ideas peregrinas:
- Enviar aos correos dos centros de ensino información sobre esta rede.
- Animar a constituír grupos de traballo específicos para usuarios con distinto nivel de formación nas TIC.
- Crear un premio destinado a recoñecer iniciativas coas TIC no ensino.
.....