Xano

Ideas para a dinamización (ao final do espiche)

Creo que hai que ver as cousas en positivo mais con realismo. É todo un éxito que, tal como están as cousas no ensino galego, contemos cun bo número de blogues docentes moi activos e cun espazo social coma este con case trinta membros. Aínda que as comparacións sexan odiosas, e máis se son só cuantitativas, a Xarxa catalá do ning ten só algúns máis.
Porén, semella preciso recuperar o dinamismo inicial desta rede.
É claro que, sobre todo en épocas de exames, non dispoñemos practicamente de tempo para remexer nas TIC.
E é normal que atendamos antes espazos que nos poden ser máis de proveito, propios, alleos ou compartidos.
É entendíbel que haxa quen non se atreva a intervir ou non lle interese entrar no intercambio, aínda que si seguilo.
É posíbel que non nos agrade que as nosas intervencións non teñan o eco que agardabamos e fiquen ancoradas no monólogo.
Ou pode ser que non nos senten moi ben algunhas opinións e actitudes individuais ou colectivas.
(Tamén é probábel que todo isto sexan conxecturas impertinentes)
En calquera caso, o que eu teño claro é que, mesmo desde unha postura interesada por parte do profesorado, fai falta reflexionar e compartir máis ca nunca. Aínda que estivésemos nun espazo cultural normalizado, aínda que dispuxésemos de abondos recursos en galego, aínda que tivésemos unha formación "técnica" decente, aínda que houbese grupos de traballo con dedicación exclusiva financiados e asesorados pola Administración, aínda que puidésemos dispoñer de plataformas educativas que facilitasen, impulsasen e titorizasen o noso labor coas TIC (que nada disto temos), aínda así, non podemos pechar os ollos ante a desorientación xeral da educación fronte o reto de educar crítica e creativamente un alumnado que vive inmerso nas novas tecnoloxías. O aproveitamento educativo dese uso esixe unha constante reconstrución didáctica, e mais cando se fala xa de web semántica e web 4.0
Por iso, propoño que acheguemos ideas para que esta rede social sexa aínda máis útil (para min xa o está sendo moito) para toda a xente e, en xeral, para o ensino galego. Por exemplo, estas ideas peregrinas:
- Enviar aos correos dos centros de ensino información sobre esta rede.
- Animar a constituír grupos de traballo específicos para usuarios con distinto nivel de formación nas TIC.
- Crear un premio destinado a recoñecer iniciativas coas TIC no ensino.
.....

Compartir

Responder esta

Respostas a este tópico

Ola Xano

Tes razón en que isto non ten o dinamismo do principio, pero non desesperemos por iso, pois en tódolos colectivos e accións hai ciclos de máis e menos actividade. Precisamente agora, antes das vacacións, supoño que andamos todos e todas a tope con exames, rematar traballos, etc. Pola miña banda ando metida en mil historias, e non dou para máis.

Falas de financiamento e apoio da administración. Sería estupendo, pero iso non o é todo. Os contidos, as experiencias, as opinións, os recursos, e un longo etcétera (é dicir, o que realmente resulta útil) pono o profesorado que traballa a pé de aula, e non a administración.

Eu o que vexo, perdoade se me equivoco, son moitísimas ganas, o cal é moi positivo, pero tamén desorientación. Se pretendemos coñecer a partir desta rede tódalas aplicacións da web 2.0., por poñer un exemplo, podería ser para que nos volvamos tolos e tolas, sobre todo cando hai mil sitios dedicados a iso.

Internet evoluciona a unha velocidade vertixinosa, e as aplicacións para o ensino tamén. Nin podemos pretender ir ó ritmo do avance da internet, nin debemos agobiarnos por perdernos algo do que hai por aí. O máis importante é que as ferramentas que usemos nos resulten útiles e que os nosos alumnos e alumnas aprendan máis e mellor con elas. Dá o mesmo que sexan da web 1.0. como da web 2.0., que sexan aplicacións en liña ou instalables, que sexan cutres ou que teñan un gráficos virgueiros, ... o importante é que funcionen e que lles saquemos partido. Non todo o novo vai ser mellor, depende de para qué.

Nese sentido, gustaríame un sitio no que se coñezan experiencias reais de utilización de diversas ferramentas, máis ca un sitio onde se dean a coñecer esas ferramentas pero sen ningunha orientación didáctica (sitios deses hai moitos).

Por exemplo, eu coñezo varias aplicación para facer mapas conceptuais (basta unha simple procura en google para atopalas), pero nunca as utilicei nas miñas clases, pois non o considero necesario, nin creo que mellore a aprendizaxe ó utilizalas. Se coñezo unha experiencia real na aula na que se utilicen e na que se lles sacou un rendemento interesante, animareime a probar.

Outro exemplo: son coordinadora TIC (que non o son), e non logro que o profesorado se implique. Outro coordinador ou coordinadora amosa a súa experiencia de dinamización que funcionou, e sérveme de referente para intentalo por aí no meu centro.

Son cousas moi simples, pero máis útiles. Eu creo que ese é o camiño.

Para rematar tedes que desculparme por non participar máis en ágora rede (“pensaredes esta moito fala pero pouco fai”). Sígovos case a diario, pero non teño tempo para moito máis. De feito teño dende hai tempo contidos case feitos para subir ó meu sitio e os teño aparcados, pois ando mergullándome co alumnado no tema da robótica e isto me ten enganchada.

Responder esta

María, agradécense as túas atinadas (coma sempre) palabras. Concordo plenamente co que dis. En todo caso, antes de poder ter experiencias didácticas que compartir temos que fedellar aquí e alá e partillar impresións. Non creo que iso sexa negativo se temos claro que non se trata de estar ao tanto de todo, cousa imposíbel. Alén diso, o que eu apuntaba referíase á necesidade de integrar no traballo coas TIC os recursos que xa emprega o alumnado reorientando os fins e incorporando perspectivas críticas. Non se trata, por suposto, de ser o/a profe máis ao día nisto, senón de poder desenvolver mellor competencias útiles para o alumnado. Parécemo.

Responder esta

Ola María... eu son orientador nun centro e tamén coordinador TIC (que non o son) e comparto case ao cento por cento as túas propostas.

Responder esta

Pois este coordinador virtual (que o son) está moi satisfeito de ter chegado ata aquí partindo de ningures. Isto é algo sólido e verdadeiro, moito máis ca esa administración cega e xorda á que ineludiblemente sempre nos estamos a referir. Claro que o traballo é noso. Somos nós quen andamos o camiño e, se podemos percorrelo xuntos, é un bo camiño. Non temos que render contas do noso traballo, María e @s demais. Cada un/unha fai o que pode e tod@s procuramos un apoio. Por iso estamos aquí. Esta rede terá os seus momentos, pero a min xa me enche.

Responder esta

Estou a favor do que propós. En canto ós correos, xa me encargo eu no meu centro de imprimir e poñer no taboleiro da sala de profes para que algúns acudan á súa conta e logo, xa sabes, iso non significa que o contido fose lido nin comprendido. É broma, hoxe estou algo irónico (xa vén a primavera). Parécenme moi boas iniciativas. Está claro que temos que dinamizar. E dinamizaremos.

Responder esta

Ola a todas e todos!
Vexo que máis ou menos andamos todos igual de agobiados (é un consolo saber que non son eu soa a que non dou feito...) e, efectivamente, isto decaeu un pouco. Absolutamente lóxico, concordo plenamente con María e creo que ao mellor o que hai que tratar é de ir acoutando parcelas e obxectivos. Eu confeso que empecei a ver tanta cousa que me asustei un chisco e me agobiou non dar abasto; será cousa de ir aos poucos, que non se vai acabar o mundo de repente, digo eu!!
Por exemplo, o dos correos parece unha idea excelente; como suxerides que fagamos? Pensades nun envío ao correo xeral dos centros ou credes que debemos tratar de facer envíos ao correo individual do profesorado do noso centro (se nos facilitan eses datos no centro, claro) e mesmo contactar con outros nos que teñamos coñecidos/as?
En todo caso, podiamos escribir un texto común para enviar e logo ir elaborando un listado dos centros aos que se enviou, que vos parece?
A min tamén me chegaron suxestións de elaborar unha listaxe cos centros nos que hai aula virtual en funcionamento, precisamente para, ao fío do que di María, ver experiencias doutra xente; pero claro, estariamos falando unicamente de experiencias da miña materia, de lingua e literatura. Nese sentido, e sen ningún ánimo individualista, tamén me pregunto se organizarnos, non digo por materias, pero si por algo así como "áreas de coñecemento" non nos podería ser útil; todos nos queixamos da falta de tempo e a miñas necesidades como docente, a nivel técnico, poden ter pouco que ver coas dunha persoa de física ou mates, por exemplo.
E todo caso, parece conveniente que, mesmo antes do envío de correos aos centros, teñamos nós máis ou menos claro que queremos facer e, sobre, que necesitamos en primeiro lugar.

Responder esta

Ola colegas (nos dous sentidos). Tamén eu cheguei por aquí de casualidade, apunteime inmediatamente e tiven que deixalo aparcado por un tempo. Agora volvo retomalo e a resultas desta conversa, exprésovos as miñas arelas e tamén as miñas necesidades.

Sorprendinme gratamente co comezo desta folla porque era algo semellante ao que andaba a dar voltas, como unha especie de utopía difícil de acadar por falla de coñecementos técnicos. Eu vexo este espazo como un espazo no que compartillar experiencias, materiais e reflexións. É dicir, como apuntaba María L, aproveitar dunha acción levada a cabo por outro colega e que funcionou e serviu de proveito para os seus alumnos; intercambiar materiais no sentido de que non existe o material perfecto, mais si algo a partir do cal eu poida confeccionalo ou transformalo ou que aquilo que eu xa fixen tamén lle poida servir a outra persoa. E finalmente, tamén coido que é necesario un espazo de reflexión sobre os enfoques, a profesión
e nós mesmos. Hai pouco tempo escoitei unha pequena charla de Pere Marqués (un profe universitario catalán), na que se intitulaba Profesor de Tecnoloxía Educativa, e eu coido (pido humildemente perdón) que as miñas gargalladas houberon escoitarse de volta a Cataluña. Non entendía que carafio era iso da Tecnoloxía Educativa. En realidade, eu estábaa empregando ser sabelo. Uso a diario o ordenador no meu traballo, emprego programas de presentacións, tratamento de textos, gráficos, teño un pequeno blogue en Blogaliza, agora estou a experimentar cunha tableta gráfica... Unha morea de accións, pero ás que faltaba unha integración maior e sobre todo un sentido único. Após da charleta xa o tiña máis ou menos claro (gran mérito do individuo, nun par de horas furar na miña dura cabeza). Curiosamente a maior parte dos "queridos compañeiros" que estaban alí, onde eu vía posibilidades, vían fantasías irrealizables, eivas insuperables e outros impedimentos: que se non hai ordenadores, que se debería haber non sei cantos por clases, que se non hai conexión, que se o importante é que estuden e se deixen de zarapalladas... Todo iso obviamente, é real, pero eu partía dun principio absolutamente básico e, para min claro: "se non vivimos coma hai 20 anos, non podemos traballar igual que hai eses 20 anos", polo que ou facemos algo ou seguimos con charletas de bar que non conducen a ningures e que non solucionan nada salvo alixeira-la factura do psiquiatra. Por outra banda, un tema que me preocupa tamén é o lingüístico, pois non hai a penas materiais na nosa lingua e ando a traducir ou a empregar os que se pillan por aí. Quen nos debería fornecer de materiais non o fai, as editoriais agoran empezan a facer algo pero ata hai pouco tempo, o libro de texto si viña en galego pero tódolos materiais e demais en español. Así que todo era un tanto agotador.

Nese momento, atopo a folla. E xa digo, tras un tempo "invernando" agora comprobo que ten pés e que xa está a camiñar. Pois ánimo que o camiño é ancho.

Finalmente, e perdón polo espiche, só pretendía escribir un par de liñas pero xa vedes; eu coido, como Rosa Salgueiro, que unha organización por áreas de coñecemento estaría ben, mellor incluso que por materias pois haberías cousas que se poderían aproveitar de xeito coordinado (por exemplo, un material de historia grega, pode valer para Sociais ou para Cultura Clásica).

Sobre o de darse a coñecer, eu antes de "varrer" tódolos Centros do país, comezaría co "boca a boca". Ás veces, por medrar tanto e de xeito descoordinado, acábanse por abandonar ideas interesantes. Se como semella, hai varios coordinadores TIC, aí nos seus Centros, xa teñen un campo interesante, acceden a moitos profesores, e a pouco que estes falen con outros colegas ("somos unha gran potenzia pero un país pequeno") a masa crítica pode ser importante, a parte do que labor de espallamento que fagamos cada un de nós.

Eu coido que primeiro sería máis interesante crear unha estrutura máis ou menos clara e despois medrar. O foro de Aplicacións me parece moi relevante, outro de experiencias levadas a cabo, o de recursos materiais... Enchamos todo isto de contidos e a ver que sae de todo isto.

Bueno. Xa calo.

Responder esta

Boas de novo a todos/as os/as que pasastes por este tópico. Despois das anteriores contribucións, ben substanciosas, parece que me toca recoller as propostas maioritarias. Eu tiro en limpo o seguinte, non sei se concordades:
1. Cómpre, en primeiro lugar, enriquecer este espazo con experiencias da aula, propias ou alleas. Sen présas.
2. Convén abrir grupos das distintas áreas curriculares. Aínda que non integre realmente unha área, a este respecto paréceme envexábel o traballo colaborativo que nos presentou Álvaro ao redor de chironweb, do profesorado de linguas clásicas.
3. É preferíbel compasar a difusión coas necesidades dos nosos contextos educativos, especialmente o centro de traballo. Así, por exemplo, no meu dispoñemos todas e todos dos correos dos demais, posto que a dirección convoca e achega documentos vía email sen Cco (unha boa iniciativa), mais eu preferín ir comentando as funcionalidades desta rede a aquelas persoas coas que comparto un PFAC, a quen me consulta onde atopar tal tipo de recursos, etc. Porén, non parece que iso sexa incompatíbel con informar as direccións de todos os centros, para o que consideren conveniente. Iso faríao eu sen problemas. O texto, Rosa, podería ser o noso cabezallo de presentación, sen máis.
4. Non se considera axeitado (/preciso/cabal) botar a andar iniciativa ningunha máis.

Responder esta

RSS

Membros

  • Ana   Mª  Rodriguez Lomba
  • Francisco  Castro
  • ISABEL GARCÍA BARREIRO
  • Nacho
  • Natalia
  • Lourdes
  • Ventura
  • Eva
  • Cristina

Benvida

Agás certa información persoal dos seus membros, todos os contidos inseridos nesta rede están accesíbeis.
Mais, ao rexistrarnos dispoñemos dunha páxina propia na que crear artigos, subir documentos ou enviar mensaxes, ademais de poder participar no foro, crear grupos, etc.
Podes consultar estes titoriais.

Baixo licenza


Foro do grupo Webs dinámicas

Fotos

Carregando...

Música

Carregando...

Badge

Carregando...

© 2009   Criado por dplingua no Ning.   Crie Sua Rede Social

Badges  |  Relatar um incidente  |  Privacidade  |  Termos de serviço

Entrar no bate-papo